FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, VICENTE
O texto de Física que está dirixido ao alumnado de Segundo de Bacharelato foi elaborado tendo en conta o Decreto 126/2008 do 19 de xuño (publicado no DOG número 120, do 23-06-08), que estabelece o "Currículo do Bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia".
O desenvolvemento teórico acompáñase de exercicios resoltos, que pretenden servir de guía e axuda para o alumnado na aplicación das ideas e conceptos tratados ao longo dos distintos temas.
Co obxectivo de facer a revisión das diferentes partes de cada tema, proponse ao final dos mesmos unha serie de exercicios, que se diferencian en cuestións e ?problemas?; estes últimos levan indicada a solución numérica para facilitar o traballo autónomo por parte das alumnas e alumnos. Moitos destes exercicios foron propostos nas PAAU nos últimos anos.
En varios temas desenvólvense prácticas de laboratorio que se pretende sirvan, segundo os casos, para comprobar, clarificar, deducir... unha lei, un concepto... ademais de ser, nalgúns casos, materia da proba xeral de selectividade.
Ao final de cada tema pídeselle ao alumnado que elabore un mapa conceptual. Os que aparecen no texto deben usarse como axuda clarificadora dos conceptos adquiridos e nunca como substitutivos concentrados do texto para a súa memorización.